Efecto espello: retrato, autorretrato e selfie

  • Museo Provincial de Lugo, Museo Pazo de Tor, Museo Provincial do Mar, Museo-Fortaleza San Paio de Narla

  • Gratuíto

  • comunidadermpl@gmail.com

O desexo do ser humano de efixiarse ou inmortalizarse para a posteridade foi unha constante ao longo da historia: a pintura, a escultura ou a numismática son disciplinas nas que o retrato tivo especial relevancia e significado. A invención da fotografía cambiou por completo o concepto e o formato deste tipo de representacións, ata o punto de que, na actualidade, podemos “inmortalizar” a alguén ou facer un “selfie” en calquera momento e lugar.

Esta proposta didáctica está enfocada en dar a coñecer, a través das obras expostas nos nosos museos, a historia e evolución do retrato nas diferentes artes plásticas, a intención que hai detrás deste tipo de representacións, o seu significado ou que artistas destacaron por cultivar este xénero.

Falaremos de retratos, de autorretratos e da revolución que supuxo o “selfie”, veremos a diferencia entre unha representación calculada ata o máis mínimo detalle e a inmediatez dunha fotografía tomada sen pensar, e preguntarémonos se a intención e o significado de retratarnos variou co paso do tempo ou se, pola contra, segue mantendo a mesma esencia e intencionalidade.

Trátase dunha actividade que pode realizarse tanto presencialmente como de xeito virtual, así como en calquera dos catro museos da Rede Museística Provincial de Lugo (ou mesmo nos catro):

  • No Museo Provincial de Lugo

Veremos a evolución e os distintos tipos de retrato a través da pintura, a escultura e a numismática: efixies en moedas, bustos, retratos de familia e individuais, representacións de medio corpo e de corpo enteiro, etc. Quen se representa e por que? Como se representa a un rei ou raíña e como ás persoas doutras clases sociais? Que nos queren dicir os detalles dos ambientes e  dos espazos nos que se retratan? Reflexionaremos sobre estas cuestións mentres percorremos as coleccións do museo.

  • No Museo Pazo de Tor

Veremos a colección de retratos conservados no pazo, nos que figuran os membros da familia que viviu nel, como a súa derradeira propietaria, Dª María Paz Taboada. Reflexionaremos sobre a importancia deste tipo de representacións nos contextos pacegos e sobre como conforman, xunto co resto do patrimonio conservado no pazo, un auténtico “retrato dun sector social”: neste caso, da fidalguía galega.

  • No Museo Provincial do Mar

O noso Museo do Mar é o “retrato” das xentes San Cibrao e da Mariña Lucense. Cando cruzamos as súas portas recíbenos cos retratos de Dª Manuela Goñi e D. José Mª Fernández, matrimonio migrante que aportou o diñeiro co que se construíu o edificio, que naceu como escola. Tamén contamos co retrato do profesor que iniciou, xunto co seu alumnado, as coleccións que deron orixe ao museo, D. Francisco Rivera Casás. E, por último, na colección de fotografías doadas polos veciños e veciñas da zona, contamos con diversos retratos dos traballadores e traballadoras dos oficios do mar. Falaremos e reflexionaremos sobre o significado de cada tipo de retrato, apreciaremos o contraste entre os retratos de oficios do mar e os “selfies” que adoitamos sacar actualmente na praia e coñeceremos a relación do mar coa disciplina do retrato.

  • No Museo-Fortaleza San Paio de Narla

Os retratos que conservamos en San Paio de Narla móstrannos ás persoas anónimas, aos traballadores e traballadoras do campo que non posan nin se engalanan para ser retratadas, senón que nos mostran os labores da súa vida diaria. Aquí falaremos doutro tipo de retrato, diferente e afastado das fastosas representacións da realeza, da nobreza ou da burguesía; e reflexionaremos sobre a diferenza entre o “realismo” deste tipo de imaxes e a “realidade maquillada” das que consumimos nas redes sociais. Se o Pazo de Tor era un “retrato da fidalguía”, o Museo-Fortaleza de San Paio de Narla é o “retrato da xente do campo”.

Recursos asociados a esta actividade

Outras actividades deste programa