Escape Rooms: Xoga en Rede

Actividade Escape RoomA Rede Museística Provincial de Lugo oferta varias escape room que teñen como obxectivo achegar á rapazada as diferentes coleccións dos museos de xeito interactivo, lúdico e interdisciplinario. Os xogos escape room son actividades, cada vez máis estendidas, nas que as persoas participantes empregan a lóxica, os seus coñecementos e o enxeño para resolver probas dentro dunha misión que deben completar. Desde a Rede Museística Provincial consideramos fundamental espertar na infancia e na xuventude a curiosidade e o respecto polo patrimonio e, con esta proposta, pretendemos fomentar o descubrimento do patrimonio conservado nos nosos catro museos a través da gamificación ou aprendizaxe baseada en xogos.

Actividade Escape RoomAs nosas escape room compóñense de diferentes xogos, con temáticas específicas, nos que cada participante se mergullará nas coleccións dos museos empregando como plataforma as visitas virtuais 3D das que dispoñemos. Cada aventura está integrada na visita virtual mediante puntos interactivos de cores, nos que se atopan as diferentes probas que se deben resolver. Ademais, todas as escape room contan cunha personaxe que irá guiando á persoa participante durante todo o percorrido ata completar a misión.

Dez aventuras para escoller:

  1. Lugo romano: Coñecemos a vida da antiga Lucus Augusti da man dunha moza castrexa que se infiltra na cidade. Itinerario: coleccións de arqueoloxía de época romana.
  2. Como nos vestimos ao longo da historia: Acompañamos a unha deseñadora de moda a coñecer como vestían os homes e as mulleres dos diferentes períodos históricos. Itinerario: Prehistoria, Cultura castrexa, Roma, Idade Media, Romanticismo e Traxe tradicional galego.
  3. Vexo, vexo… e descubro o meu entorno: Axudámoslle a unha xabarina a buscar o lugar ideal para vivir; aprendendo a identificar as diferentes paisaxes, principalmente de Galicia, e os elementos naturais que as compoñen a través das obras do Museo Provincial de Lugo. Itinerario: paisaxe de montaña, paisaxe mariña, paisaxe urbana, paisaxe rural, paisaxe lucense.
  4. Igualdade: Coñecemos a unha pantasma que vive no Museo Provincial de Lugo e que nos mostra a obra das mulleres artistas que temos expostas.
  5. ODS: Coidamos dun planeta Terra que se atopa enfermo con 17 remedios convertidos en misións relacionadas con cada un dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Itinerario: percorrido polas coleccións do Museo Provincial de Lugo.
  6. Crea o teu museo: Acompañamos a un cadro que acaba de chegar ao Museo Provincial de Lugo para axudarlle a coñecer que é un museo, que tipos de museos existen, quen traballa neles e que coleccións podemos atopar expostas.
  7. A Idade Media na Rede Museística Provincial de Lugo: Viaxamos ata o mundo medieval para coñecer a vida e sociedade deste período histórico. Acompáñannos catro personaxes: un frade franciscano no Museo Provincial de Lugo, un cabaleiro no Museo-Fortaleza San Paio de Narla, unha campesiña no Pazo de Tor e un carpinteiro de Ribeira no Museo Provincial do Mar.
  8.  Pazo de Tor: Percorremos as coleccións do Pazo de Tor coa súa derradeira propietaria, Dona Mª Paz Taboada.
  9.  San Paio de Narla: Intentamos escapar da Fortaleza de San Paio de Narla coñecendo as súas coleccións.
  10. Museo do Mar: Coñecemos o patrimonio do Museo Provincial do Mar mentres tentamos salvar á balea Cipriana.

Buscar por:

  • Museo Provincial de Lugo, Museo-Fortaleza San Paio de Narla, Pazo de Tor, Museo Provincial do Mar

  • Gratuíto

  • Sen límite de participantes

  • comunidadermpl@gmail.com

Características:

Solicita máis información
Solicita unha visita

Outras actividades