ESTRATEXIAS DIXITAIS na MUSEOLOXÍA SOCIAL

Unha comunidade de aprendizaxe impulsada pola Rede Museística Provincial de Lugo

A Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) abre un novo espazo virtual onde compartir en aberto un proceso colectivo de reflexión e formación. O fío conductor serán as prácticas dixitais en museos e espazos culturais que destacan polo seu labor social, a súa inserción no territorio máis próximo e por situar ás persoas no centro da súa estratexia. Incluída a dixital.

O reto dunha transformación dixital sustentable e inclusiva

Desde fai tempo, a RMPL vén realizando un esforzo por adaptar os seus servizos e actividades ás novas demandas sociais derivadas da transición dixital da sociedade. Coa pandemia, igual que en moitos outros eidos, a situación sanitaria e as restriccións derivadas puxeron de manifesto a imaxinación e esforzo do seu equipo para manter a actividade. Pero tamén as limitacións e as distintas fendas dixitais que impiden manter unha relación óptima coa cidadanía, especialmente baixo os valores de calidade no servizo, igualdade de acceso, universalidade e participación cos que se identifica a RMPL.

Sendo consciente da necesidade de transitar de xeito sustentable cara un mellor equilibrio entre a dimensión presencial e a virtual, a RMPL decidiu abrir unha reflexión e un. proceso formativo que aborde cuestións de infraestrutura, oferta e servizos dixitais. Tamén accións para a inclusión, capacitación e empoderamento dixital da cidadanía e dos equipos de traballo, sen esquecer os novos modelos dixitais e híbridos de participación e mediación cultural.

Unha comunidade de aprendizaxe aberta

O programa consta de varios bloques formativos, prácticos e aplicados que se intercalan con análises de boas prácticas inspiradoras. Entre elas as da propia RMPL. A coordinación da iniciativa está desenvolvida polo equipo de BenCuriosa con experiencia en proxectores similares para a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural – Xunta de Galicia  ou a Dirección General de Cultura del Gobierno de Navarra, entre outras.

O obxectivo é que as participantes poidan dotarse de ferramentas para avaliar e deseñar estratexias dixitais que integren infraestruturas, organización interna, competencias dixitais, públicos e redes de colaboración, servizos, actividades, contidos dixitais e canles de comunicación.

A RMPL decidiu abrir este proceso, inicialmente interno, para aprender compartindo xunto a todas aquelas persoas que desexen sumarse, de xeito gratuíto, nun espazo participativo virtual. Será de especial interese para profesionais que traballen en pequenos espazos culturais ou divulgativos de proximidade: museos locais, centros culturais, bibliotecas, centros de interpretación, educación medioambiental, etc.

Os contidos estarán dispoñibles en galego e tamén en castelán, tendo en conta a proxección da RMPL no contexto iberoamericano.

O foco na museoloxía social

A Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) é unha referencia galega, estatal e internacional, recoñecida polas súas boas prácticas en museoloxía social, igualdade, xénero e inclusión. 

Esta disciplina considera como o obxectivo dos museos ter en conta o coidado e a hospitalidade, e promover o seu papel socioafectivo. Di o catedrático de Filosofía Política e investigador Daniel Inneraty que “os precipitados celebradores da atopía dixital tenden a esquecer que os lugares comúns e públicos nos igualan, mentres os lugares privados nos fan máis desiguais”. Ante unha esfera dixital cada vez máis corporativizada, homoxénea e dominada por lóxicas que buscan o consumo pasivo de contidos, cómpre unha resposta innovadora para activar espazos de encontro dixitais integradores, próximos e amigables, sen distinción de idade, formación ou ideas. Lugares onde as veciñas e veciños poidan acceder ao coñecemento e ao lecer, pero tamén onde conectar para aprender, inspirarse, experimentar ou, en definitiva, facer cultura e sociedade en común

Para afrontar os retos específicos deste eido non se pode optar por solucións técnicas e tecnoloxías xenéricas, afastadas dos obxectivos sociais e da realidade do día a día das súas profesionais.  Será necesario seleccionar aquelas estratexias, metodoloxías e ferramentas que sexan aplicables e sustentables no contexto específico das organizacións culturais de proximidade.

A inscrición é gratuíta e está aberta ata o 30/01/2022. Se queres participar, podes apuntarte completando o seguinte formulario:

Inscríbete aquí na formación!

Buscar por:

    Características:

    Inscríbete aquí na formación!
    Accede aquí a la información en castellano

    Actividades incluídas neste programa

    Otros programas da comunidade educativa