Facémonos escoitar?

Mapa sonoro da memoria colectiva lucense vinculada á realidade LGTBIQA+

Temática:  Xéneros e igualdade

Mediante un chamamento dirixido á poboación de todo o territorio lucense durante o mes de xuño de 2021, recopilamos a través de audios de móvil testemuñas orais nas que se transmiten vivencias, anécdotas, experiencias e lembranzas vinculadas á temática LGTBIQA+ acaecidas ao longo do territorio provincial.

Resultado deste proceso é este mapa sonoro formado por fragmentos sonoros de numerosas persoas que ao longo das súas vidas viviron, presenciaron, sufriron ou celebraron momentos, afectos e vivencias que hoxe en día constrúen a realidade LGTBIQA+ da provincia de Lugo e que nos sitúan nun determinado punto do camiño no avance cara a construcción de sociedades nas que pague a pena vivir.

Este proxecto é froito dunha colaboración entre a Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da Rede Museística Provincial, o Colectivo Agrocuir da Ulloa e a Cooperativa Indaga, no marco das celebracións do Orgullo LGTB 2021.

Coincidindo co 15 aniversario da Rede Museística Provincial, tendo en conta a intención que dita Rede ten este ano de conciliar pasado, presente e futuro a través da recuperación da memoria, e en consonancia tamén co lema “O futuro dos museos. Recuperar e reimaxinar”, elexido este ano polo Consello Internacional dos Museos para a celebración do Día Internacional dos Museos, esta proposta representa unha boa oportunidade para recuperar lembranzas da poboación, do tecido social e das institucións da provincia de Lugo no eido LGTBIQA+, contribuíndo á necesaria celebración dos avances logrados na historia recente da provincia, e servindo tamén para identificar os obstáculos e retos aínda presentes.

Tamén lle pode interesar

  • Obra que forma parte do proxecto Coidados, vulnerabilidades e dependencias na que saen duas máns en branco e negro cunha rede de araña unindoas

Coidados, vulnerabilidades e dependencias

Tags: |

Unha pioneira aproximación para dignificar as tarefas dos coidados que recolle as creacións de 9 artistas de diferentes procedencias cun abano de expresións plásticas: vídeo, fotografía, performance, debuxo, pintura, escultura e instalación sonora.