Mar de Lugo no Museo do Mar

Lugo é unha provincia con mar. É algo evidente, pero que realmente moita xente descoñece. A imaxe que se proxecta da provincia desde o exterior é a dun territorio interior, marcado polos vales, as chairas e a montaña. Isto non ten nada de malo, pero a provincia de Lugo é moito mais diversa e conta cunha riqueza que hai que poñer en valor. Lugo ten mar, ten unha das maiores flotas pesqueiras do Cantábrico, ten praias, ten mareas e ten temporais. E Lugo ten unha xanela aberta ao mar en forma de Museo Provincial do Mar.

Un museo que conta unha história épica de navegantes e cazadores de baleas, con espazo para o lirismo narrativo das praias repletas de cunchas nas que cantan as pescantinas ao traballar. Un museo que fala da historia do ser humano, pero tamén da tremenda e fráxil biodiversidade do medio mariño. Un museo para aproveitar e simbolizar esa parte da provincia que mira ao norte e nos conecta co mundo “mar-por-medio”. Así, aproveitando os múltiples recursos cos que contamos no Museo Provincial do Mar, ofrecemos un conxunto de propostas didácticas que combinan o traballo na aula coa aprendizaxe lúdica e activa no museo:

  • Actividades na aula en colaboración co museo:

– Coñecemos a costa e o mar de Lugo a través de mapas, fotografías e textos.
– Pensamos en museos da nosa órbita xeográfica e social segundo o lugar de ubicación do centro lectivo.
– Reflexionamos sobre as paisaxes da nosa comarca e os seus traballos tradicionais.
– Especulamos sobre o que pode haber nun museo do mar.
– Traballamos sobre a historia das navegacións.
– Reflexionamos sobre todo aquilo que pode ofrecer o mar e a ribeira.
– Enumeramos e investigamos sobre os animais que viven no mar e nas áreas costeiras.

  •  Actividades no museo:

– Visita guiada. Museo relator de historias: Con esta actividade é o propio alumnado o que constrúe o significado das pezas do museo, potenciando a súa capacidade de observación e reflexión ao tempo que se fomenta o seu espírito crítico.

– Actividades interactivas:

  1. A agulla de marear: Desde os inicios dos tempos, o ser humano foi artellando sistemas e aparatos para viaxar cada vez mais lonxe. A través da análise dos diversos instrumentos de navegación cos que contamos no Museo Provincial do Mar, convertémonos en descubridores e descubridoras de territorios afastados.
  2. Por aí resopla: O Museo Provincial do Mar ten o privilexio de ser o custodio dos ósos dunha especie de balea xa extinguida e que se cazaba, ata o século XVIII, nas augas do Cantábrico. Imos navegar cara atrás no tempo para mergullarnos na tradición daqueles cazadores de baleas.
  3. Largando as redes: Cando os mariñeiros largan as redes ás augas do mar, non teñen a certeza do que vai vir nelas. Así tamén o alumnado descubrirá que especies se capturan e que artes se usan.
  4. Arriba a bandeira: Aprendemos a comunicación no mar antes da invención da radio e ao tempo reflexionamos sobre o mar como fronteira comunmente universal e encrucillada de culturas.
  5. Facedores de barcos: Nas ribeiras da Mariña Lucense xa se construían carabelas no s. XIV. Co nacemento, no s. XIX, do complexo industrial de Sargadelos, aumenta o fluxo comercial e increméntase a construción naval, sobre todo de barcos de cabotaxe (como bergantíns e goletas), aínda que das carpintarías de ribeira tamén saían traiñóns e chalupas, utilizados tanto para a pesca da sardiña como para a caza da balea. Cales son as partes máis importantes dun barco, cales as técnicas construtivas, cales as árbores das que se obtiña a madeira, cales as ferramentas usadas polos carpinteiros? De seguro que navegando por esta parte da nosa historia xorden aínda moitas máis preguntas.
  6.  Alguén che dixo canto duraba o teu lixo?A contaminación é un dos máis graves problemas para os nosos océanos e para a sostibilidade e pervivencia do planeta. Algúns científicos sinalan que no 2050 haberá máis lixo no mar que peixes, xa que cada ano botamos toneladas e toneladas de residuos, sobre todo plásticos, que tardan máis de 400 anos en biodegradarse. No lixo que tiramos ao mar, como os restos de aparello, quedan atrapados ata morrer peixes, tartarugas ou mamíferos mariños, e os plásticos e microplásticos pasan aos seus sistemas dixestivos causándolles o mesmo efecto, podendo chegar incluso, no proceso da cadea alimentaria, a especies que se comercializan para o consumo humano. Reducir o consumo de plásticos e outros refugallos, reciclar axeitadamente, reutilizar… son algunas das claves para axudar a manter os ecosistemas mariños.
  • Actividades posteriores á visita:

Crea o teu propio museo: O alumnado construirá de forma práctica, imaxinativa ou simplemente teórica o seu proprio museo a partir dun diálogo cos e coas docentes, coa súa comunidade e co persoal da Rede Museística. Poderá realizarse como continuidade do Museo Provincial do Mar ou como reflexo crítico da comunidade do centro educativo do alumno/a.

Buscar por:

  • Museo do Mar

  • Gratuíto

  • comunidadermpl@gmail.com

Características:

Solicita máis información
Solicita unha visita

Recursos asociados a esta actividade

Outras actividades deste programa