O teu Gabinete de Curiosidades

Ao longo da Idade Moderna, o exotismo, a apetencia por aquilo extravagante por nunca visto, era algo moi cobizado e valioso, desde animais nin sequera soñados ata supostos cornos de unicornio ou plumas de paxaros exóticos, peixes globo, minerais ou pedras de propiedades máxicas. Os nobres e eruditos fixeron acopio deste tipo de cousas. Servían para impresionar, mais tamén para reter nalgún recuncho da casa un anaco deses lugares lonxanos e misteriosos. Consecuencia dese gusto polo estrano e do afán de coñecemento, foron as cámaras de marabillas ou gabinetes de curiosidades, xermolo dos actuais museos.

En tempos dos Pazos coma o de Tor seguiu esta práctica, que non estaba ao alcance de todos; tan só unha minoría, coma a fidalguía máis cosmopolita, acubillaba nas diferentes estancias dos seus pazos pezas exóticas e, xa dicimos, de toda caste: minerais, animais, vexetais, trebellos, etc.

Esta actividade presenta dous enfoques: un de carácter rural/natural e outro urbano/tecnolóxico. Pretendemos conxugalos a través da observación, análise e finalmente reflexión sobre o percorrido dado pola nena ou neno no proceso. Todo comeza por unha pregunta moi sinxela. Que elementos caracterizan a túa paisaxe cotiá? Ou tamén, que elementos o fan diferentes a outras contornas que coñeces? Para definir estes elementos e así describir as características da súa contorna inmediata, os nenos e nenas deberán reunir diferentes obxectos ou descricións, escritas e tamén artísticas; debuxándoas, compilando eses obxectos, investigándoos. Para iso, disporán dun caderno de notas, dun lapis e goma e tamén dun saco ou bolsa.

O alumnado sairá á súa contorna, ao xardín, ao bosque, á vila, á ribeira do río ou praia… e recollerá canto lle chame a atención: follas caídas, pedras, pequenos obxectos, fragmentos de materiais… No seu caderno, tomará nota de todo e acompañará as súas descricións do explorado con debuxos, das plumas que ten recollido, por exemplo, das follas ou mesmo da paisaxe que contextualiza a súa búsqueda. No caderno tamén poderá describir a fauna e a flora que está a contemplar, incluso as construcións que lle parezan importantes.

O seguinte paso será organizar un gabinete de curiosidades ou cámara de marabillas. Consistirá na exposición dos obxectos e da súa explicación. O conxunto estará todo relacionado a criterio do alumno/a, quen exporá aos compañeiros/as e ao profesor/a a súa colección e a relación que ten coa súa contorna.

Queres saber máis? Descarga aquí a unidade didáctica desta actividade.

Buscar por:

  • Pazo de Tor

  • Gratuíto

  • comunidadermpl@gmail.com

Características:

Solicita máis información
Solicita unha visita

Outras actividades deste programa