Día de Rosalía 2022 na Rede Museística Provincial

Do 19 ao 26 de febreiro de 2022

Programa:

Con motivo da celebración do día de Rosalía de Castro, a Rede Museística Provincial de
Lugo ofrece unha programación de actividades didácticas que terán como eixo central os
conceptos de “terra” e “migración”, fundamentais na obra da poetisa.
A través de diferentes obradoiros, traballaremos na comprensión do fenómeno da
emigración/inmigración dun xeito multidisciplinar, intergrupal e en rede. A partir de dita
comprensión procurarase chegar aos valores de igualdade (de xénero, raza, condición,
relixión, etc.), respecto e protección do medio ambiente, fortalecemento da identidade
colectiva, comprensión do/a “outro/a” e á posta en valor da obra literaria de Rosalía de
Castro neste senso.
Ademais disto, o día 23 de febreiro festexaremos o aniversario do nacemento da poetisa
agasallando ás persoas que visiten os nosos catro museos cunha FLOR E UNHA LÁMINA,

MUSEO-FORTALEZA SAN PAIO DE NARLA

“Follas Novas”

O Museo Fortaleza San Paio de Narla súmase á celebración do Día de Rosalía o próximo 23
de febreiro cunha xornada na que se traballará a comprensión do fenómeno da
emigración/inmigración empregando a obra da autora. Achegarémonos tamén aos valores
de igualdade (xénero, raza, relixión…), respecto e protección do medio ambiente.
A actividade consiste nunha lectura conxunta dalgúns poemas de Rosalía de Castro dentro
da súa obra Follas Novas centrándonos na emigración e na mulles. A continuación
escolleremos os nosos versos favoritos e copiarémolos nunhas folla de carballo que
encherán as nosas árbores de vida.
Data: Mércores 23 de febreiro.
Horario: De 16:00 a 18:00 h.
Idades: Todas as idades.

MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

“Viaxando ás orixes”

Os procesos migratorios, tanto nacionais como internacionais, marcaron a historia de
Galicia desde mediados do século XIX, un fenómeno social que Rosalía de Castro trasladou
aos seus poemas. É por iso que aproveitaremos os seus poemas para viaxar pola historia da
migración a través das coleccións do MPL. Ao final do roteiro comezaremos coa parte
práctica, na que os nenos e nenas debuxarán, sobre o perfil dunha folla de carballo, aqueles
obxectos que os unen a Galicia e que non poderían deixar en terra.
Data: Sábado 26 de febreiro.
Horario: De 17:00 a 19:00 h.
Idades: De 7 a 12 anos.
Aforo: Máximo 10 participantes.

“Música para Rosalía”

Rosalía é a poeta da memoria, da migración, da terra e da identidade. Realizaremos unha
viaxe sonora polas coleccións do museo creando a nosa música para o poema “Adiós ríos,
adiós fontes”. Compartiremos os sons dos lugares que máis apreciamos e, con materiais de
refugallo, construiremos instrumentos que nos acompañarán na nosa interpretación.
Data: Sábado 19 de febreiro.
Horario: De 17:00 a 19:00 h.
Idades: De 7 a 12 anos.
Aforo: Máximo 10 participantes.
Materiais: A rapazada deberá traer un bote pequeno de cristal con tapa ou un tubo de
cartón de papel de cociña.

“A filla do Mar’: María Rosalía Rita de Castro”

Neste obradoiro daremos a coñecer a biografía da escritora galega máis universal.
Resaltaremos a súa faceta máis persoal, destacando a súa loita por facer cambios sociais na
época que lle tocou vivir. Reflexionaremos sobre os seus ideais e a lenta progresión de
logros acadados durante estes 185 anos; valorando a súa gran personalidade e resiliencia e
lembrándoa como unha muller adiantada ao seu tempo.
Finalmente, a partir dun boceto do retrato de Rosalía, deixaremos voar a imaxinación e
faremos a nosa propia imaxe da poetisa (a do Romanticismo, a naturalista, ao estilo arte
pop, etc.).
Data: Sábado 19 e domingo 20 de febreiro.
Horario: De 11:00 a 13:30 h.
Idades: De 8 a 12 anos.

MUSEO PAZO DE TOR

“Follas novas, novas follas”

O bosque que arrodeaba o mosteiro de Conxo, empregado nos 80 do século XIX, –e hoxe!-
como siquiátrico, ficou arrasado por orde do arcebispo de Compostela. Interesaban os
beneficios da venta da madeira da fraga, onde abundaban carballos e aciñeiras, mais tamén
outras especies de xardín, plantas viaxeiras. Rosalía de Castro escribiu “En las orillas del
Sar” un berro ecoloxista no que denunciou a barbarie e, con sutil mestría, ao prelado.
No Pazo de Tor tedes un retrato dese Miguel Payá y Rico, máis coñecido pola reinvención
dos restos do apóstolo ou por ter bautizado ao rei Alfonso XIII, que pola desfeita
denunciada pola poeta. O retrato vai asinado por un pintor dunha saga de artistas de maior
ou menor fortuna, José Garabal Louzao, nomeado “Decorador oficial da Corte” o ano 1877,
tras a visita do rei Alfonso XII á basílica. Contan as crónicas que o retratista obsequiou aos
borbóns con dúas pinturas, unha dunha galeguiña, outra dun galeguiño. Cousas do
servilismo aínda vixentes, que tamén constatamos na decoración do pazo: outro Garabal,
sobriño do outro, talvez en emulación grotesca daquel rexio-nal obsequio, regalou aos
señores de Tor dúas táboas pintadas, un galego e unha galega que penduran no recibidor.
Precisamente esa condescendencia, o paternalismo do poder foráneo, imitado no eido
local, que aldraxaba e aldraxa a dignidade dos galegos, reducidos a mofa costumista de
palacio, subxace nos versos. Porque no poema, Rosalía de Castro canta a beleza da patria
expresada nas árbores taladas por instancias de poder alleo (“ajena voluntad su imperio
ejerce”), posto que o cardeal proviña do país do Turia (antítese do Sar), onde xamais
iriamos desfacer os seus xardíns, viña clamar a poeta.
Na celebración do seu día, propoñemos revisitar o poema, escrito en castelán con
arrecendo galego, co contrapunto do retrato, das táboas dos “galleguitos” e do xardín do
Pazo de Tor, un contexto para encauzar unha conversa sobre a disparidade social da
emigración e os seus paralelismos na contorna. Referímonos aos prexuízos económicos cos
que saudamos, mesmo rendemos preito homenaxe, a prebostes vidos de fóra, caso de Payá,
e aqueloutros cos que censuramos a outras xentes sen apelidos. Disparidade que ten o seu
reflexo nas follas de certas especies alleas, que asolagan a nosa paisaxe polos seus supostos
beneficios mercantís, en detrimento doutras autóctonas en claro declive.
Lectura pública do poema – Visita aos galegos de Garabal – Visita ao Cardeal de Garabal –
Percorrido pola flora do xardín cantada por Rosalía: narcisos, cedros… – Conversa arredor
da migración e o seu paralelismo coas especies invasoras.
Data: Sábado 26 de febreiro.
Horario: Ás 12:30 h.
Idades: Todas as idades.

MUSEO PROVINCIAL DO MAR

“Follas novas, novas follas”

Este é o título dunha das máis coñecidas obras de Rosalía, pero tamén así se titulou unha
unidade didáctica que no ano 2010 desenvolveu a Rede Museística e foi recoñecida co
premio Rosalía de Castro de experiencias Pedagóxicas.
Con esta unidade didáctica pretendíase incidir na comprensión do fenómeno da migración
empregando a obra de Rosalía de Castro para, partindo dela, chegar a valores de igualdade,
respecto ao medio ambiente, fortalecemento da identidade, a alteridade co/a outro/a e a
posta en valor da súa obra.
Estes propósitos seguen en pleno vigor 12 anos despois, así que reactivámolos e
propoñémoslles ás nosas comunidades que de novo enchan as nosas árbores da vida de
novas follas onde se conxuguen os versos de Rosalía coas súas propias reflexións.
O día 19 achegarémoslles xs máis cativxs a figura da nosa máis insigne poetisa; que fixo
rexurdir a nosa lingua, visibilizou a realidade da migración galega e reivindicou o papel da
muller.
Data: Sábado 19 de febreiro.
Horario: De 11:30 a 13:30 h.
Idades: De 4 a 14 anos.
Ata o día 23 recolleremos as aportacións de todas as persoas que decidan colaborar con nós
e na tarde dese mesmo día, coa colaboración do noso Clube Sénior, encheremos a nosa
árbore de novas follas.
Data: Mércores 23 de febreiro.
Horario: De 17:00 a 18:30 h.
Idades: Club Senior-Todas as idades.

PROPOSTA TRANSVERSAL AOS CATRO MUSEOS:

“Unha rede de lecturas”

Os catro museos que conformamos a Rede Museística Provincial de Lugo formamos unha
unidade que comparte recursos, inquietudes, propósitos, triunfos e fracasos, nos que
sempre as persoas, as nosas comunidades, están no centro.
Esa unidade, esa proximidade hoxe por hoxe pode resultar máis doada grazas á
dixitalización e á virtualidade e é por iso que propoñemos que as comunidades dos catro
museos se unan o día 23 nunha lectura conxunta da obra de Rosalía de Castro.
Data: Mércores 23 de febreiro.
Horario: Ás 12:00 h.
Idades: Todas as idades.

Buscar por:

  • Do 19 al 26 de febreiro

  • Museos de toda a Rede

  • Gratuito

  • Todas as idades

Solicita máis información
Solicita unha visita

Otros programas da comunidade educativa