Rutas literarias

Dende fai case vinte anos, o Departamento de Didáctica do Museo Provincial de Lugo, leva empregando a literatura como vehículo de comunicación artística coa intención de combinala co museo dunha maneira lúdica e proveitosa, onde se mesture o inmaterial e o material, lingua e patrimonio. Con este obxectivo nace a actividade “Rutas literarias”, coa que pretendemos que a rapazada do ensino secundario sinta o museo como un espazo de memoria e un lugar onde imaxinar a historia.

Ledicia Costas, Anxo Fariña, Andrea Maceiras e Carlos Negro poñen o seu maxín a disposición do alumnado con catro relatos, recollidos no libro Contos de fantasmas no museo [podes descargalo aquí], que nos mergullarán na fantasía e no misterio do Museo Provincial. As catro rutas literarias que se van desenvolver derivan destes relatos, e son as seguintes:

  • A Ruta do carneiro alado: ten como referente o conto “A maldición do carneiro alado” de Ledicia Costas, unha desacougante aventura protagonizada pola adolescente Abril que se perde dentro dun cadro.
  • A Ruta de Minos: inspírase no relato “A esperanza do Maldito” de Anxo Fariña, unha historia que nos retrotrae no tempo ata o Olimpo dos deuses do mundo clásico: Zeus, Antíope, Afrodita, Dédalo, Pasífae e Minos, o monstro namorado.
  • A Ruta do astrágalo: ten como eixe o relato de “Astrágalo” de Andrea Maceiras. Un xogo fantástico que mestura unha tabula lusoria de época romana cun computador actual: un gaña, un vive, un perde, un morre.
  • A Ruta do paxaro: ten como guía o conto “O paxaro na gaiola” de Carlos Negro. Unha hábil metáfora que trata os conflitos da adolescencia, especialmente o do acoso sexista.

A mecánica da actividade é moi sinxela. A/O docente dará a ler ao alumnado, previamente á realización da ruta, os Contos de fantasmas no museo. Unha vez realizada esta tarefa individual, comezará a actividade propiamente dita, que se divide en dúas partes ben diferenciadas:

  • Na primeira parte o alumnado, dividido en grupos de entre 5 e 6 persoas, resolverá un cuestionario de 20 preguntas relacionadas cun dos relatos que leu. A cada grupo asignaráselle un cuestionario por sorteo, de xeito que cada equipo faga unha ruta diferente.
  • Na segunda parte, poranse en común as respostas dos diferentes grupos co fin de chegar ao veredicto de que ruta foi a mellor completada. Durante este tempo, aproveitaremos tamén para ampliar os coñecementos acerca das obras do Museo Provincial presentes no relato escollido.

As “Rutas literarias” poden realizarse tanto de xeito presencial, visitando e percorrendo o museo para resolver os cuestionarios, como de xeito virtual, mediante unha conexión co persoal do museo na que se empregarán recursos 3D. Se queres saber máis, descarga información aquí.

Buscar por:

Solicita unha visita

Outras actividades deste programa