Travesía pola historia a través de catro museos
No ano 1679, Marie Catherine le Jumel, coñecida coma condesa D’Aulnoy, atravesou os Pirineos camiño da península. O primeiro que fixo foi cambiar o seu medio de transporte. Escolleu o máis apropiado para unha orografía e un sistema de estradas, digámoslle, complicadas: unha liteira de mulos, unha sorte de todoterreo de luxo de tracción animal. A madame percorreu o país e, excelente contista, deixou escrito un diario da súa travesía, un documento trufado de anécdotas, impresións e, vaites, tamén imprecisións, que segue a ser de lectura impagábel.
Con esta actividade pretendemos que nenos e nenas viaxen cara atrás no tempo, como fixo a condesa, e percorran a provincia de Lugo partindo dos catro museos da Rede Museística Provincial: o Museo Provincial de Lugo, o Museo-Fortaleza de San Paio de Narla, o Museo Pazo de Tor e o Museo Provincial do Mar.
En cada un dos nosos/vosos museos, hai diversos medios de transporte que nos levan a un pasado de camiños accidentados. Darémoslle ao alumno/alumna dúas opcións para escoller e un obxectivo, unha meta de chegada: ao longo do seu itinerario pola provincia, poderán tomar como punto de partida calquera dos tres primeiros museos que mencionamos, pero terán que chegar a San Cibrao, ao Museo Provincial do Mar.
Queres saber como emprender esta aventura? Descarga aquí a unidade didáctica da actividade.
ActividadesEducativaMuseo Provincial de LugoMuseo provincial do MarMuseo-Fortaleza San Paio de NarlaNova ActidadePazo de TorPrograma Escolar
Museo Provincial de Lugo, Museo-Fortaleza San Paio de Narla, Museo Pazo de Tor, Museo Provincial do Mar
Gratuíto
comunidadermpl@gmail.com